E ti de quen vés sendo??

Chámome Tareixa e desfruto cociñando e tecendo.
A cociña aprendina de todas as mulleres (e algún home) coas que medrei: avoas, avó, tías, padriño,veciñas e compañeirxs de piso.
Aprendín a calcetar da miña avoa, ao longo desas tardes no hospital coidando a unha da outra.
Miña tía Elena tentou ensinarme a ganchillar hai moitos anos, pero como son zurda e collo o ganchillo coa esquerda poñíase super nerviosa e non era quen de ensinarme, así que non aprendín ata hai relativamente pouco (xuño do 2012) vendo videos do youtube e pensando como pasar eses movementos á man "sinistra"...e desde esa non parei de ganchillar!!!

28 dic 2013

Fajitas de polo e cacao

  (obradoiro de produtos de comercio xusto)

Hoxe tiven o pracer de dirixir un obradoiro de cociña para promover o uso da panela e o cacao de comercio xusto. Esta foi unha iniciativa conxunta de Panxea e de Amarante Setem, dúas cooperativas de consumo de Compostela e ás que lles estarei eternamente agradecida por confiar en min para colaborar nestes eidos.

O obradoiro levouse a cabo no local da asociación As Brañas de Andrés  á que tamén hai que agradecer que nos deixase a súa super cociña.

Como xa dixen, os ingredientes protagonistas deste obradoiro foron a panela e o cacao, polo que aprendimos a facer confitura de pementos caramelizados (do que xa publiquei a receita aquí), as fajitas, e outras receitas que podedes ver no cartaz da actividade e das que prometo subir receitas en breve.

Imos ao tema, non?? comezamos cos ingredientes das fajitas:
  • 2 peitugas de polo *
  • 1 pemento verde *
  • 1 pemento vermello*
  • 1 cebola mediana*
  • 2-3 culleradas de cacao de comercio xusto
  • 2-3 culleradas de tomate frito*
  • 1 jalapeño
  • sal e pementa
  • tortillas compradas ou fariña Maseca, auga e sal se decidimos facelas nós
* (De gandeiría/agricultura ecolóxica ou produción local)




En primeiro lugar, imos coas tortillas. Pódense mercar ou facer a man. Se optades por mercalas (hainas de cen mil marcas) tan só teredes que quentalas nunha tixola ou prancha antes de comer. 

Facelas non é difícil, pero se non temos a prensa para tortillas que usan en México vainos dar un pouco máis de traballo. A prensa é unha ferramenta que axuda a que as tortillas queden redondiñas e ben finas, pode ser de metal ou de madeira e ten formas variadas.

E se non a temos?? tranquilidade!! podemos poñer as boliñas entre dúas follas de film ou papel de forno,aplastalas cun prato ou a bandexa do forno e pasarlles despois a rebola para que queden finiñas, e se queremos que saian perfectamente redondas as repasamos cun aro ou prato de postre.

Para a súa realización tan só hai que seguir as instrucións do paquete de fariña Maseca, é unha fariña de millo precocido que se comercializa en paquetes de 2 kilos. En Compostela pode mercarse no Froiz, no Aquí é ou no Corte Inglés (e de seguro que nalgún lugar máis). O paquete ronda os 7 euros, pero dá para moooitas tortillas, así que paga a pena.
Velaí o paquete 


O procedemento é sinxelo: mesturar a fariña coa auga e o sal, facer boliñas, prensalas e facelas na tixola polas dúas caras sen que cheguen a tostarse. Ao retiralas do lume convén gardalas nun bol tapadas cun pano para que non enfríen. Tende en conta que se as facemos nós, o tamaño ideal non é como as mercadas (iso é cousa de gringos, como di o meu amigo mexicano Javi) son máis pequenas, dunha cuarta de diámetro como máximo.



Procedemos pois a facer o recheo. Picamos a cebola en rodelas finiñas e os pementos en tiras.


Pochamos as verduras, e cando xa estén engadimos o polo en tiras finas e salpimentamos.



Cando o polo esté  feito engadimos un jalapeño ben picado. Este ingrediente é opcional, pero eu considero que lle dá un toque super rico. Para os que non sexades amantes do picante: non vos preocupedes, o jalapeño dálle un toque moooi suave. Aos que lles guste o picante: botádelle dous, ou mellor aínda, probade a botarlle chile chipotle. 
Estes chiles podedes mercalos en latiñas no mesmo sitio onde merquedes a fariña. Rondan o euro e medio e se os trasvasades co líquido a un bote de cristal consérvanse moi ben na neveira durante bastante tempo. A marca que adoitamos mercar é esta (porque é a única que hai).



 Unha vez engadido o jalapeño picado ben miudiño (con sementes e todo), engadimos o cacao e o tomate, entre 2 e 3 culleradas de cada, ata que tinxan toda a mestura. Remexemos ben, deixamos facer uns minutiños e apagamos o lume.


E xa están listas para comer!! botade o recheo dentro dunha tortilla, doblade e á boca!!! 













No hay comentarios:

Publicar un comentario